GALIZA CONTRA A OTAN E O IMPERIALISMO

O Estado español, a través do goberno de coalición servil aos intereses da oligarquía financeira e pretendidamente “o máis progresista”, vai celebrar o Cumio número 30 da OTAN o 29 e 30 de xuño deste ano, nunha conxuntura internacional de ofensiva imperialista e refluxo das loitas obreiras e de liberación nacional.

Esta decisión non debería asombrarnos en tanto que o Réxime do 78 participa de maneira activa na estratexia imperialista desde tempos da ditadura franquista, cedendo as súas bases para as operacións militares norteamericanas e apoiando firmemente calquera intento de inxerencia na soberanía dos pobos do mundo que se opoñen a ser sometidos.

O que supón a colaboración do Estado español na Alianza Atlántica é a reafirmación do propio carácter da OTAN. Esta é unha organización criminal xurdida da propia lóxica de acumulación de capital por parte do sistema imperante, enfrontada no seu momento ao chamado “Bloque do Leste”.

Agora, sen o contrapeso da URSS e da súa contorna, os Estados Unidos e a Unión Europea atribúense a tarefa de estender apresuradamente a súa “democracia” a base de actos de guerra e terroristas.

O goberno do PSOE-Unidas Podemos emprega as instalacións portuarias e aéreas da maquinaria militar española na Galiza para incorporalas aos plans do terrorismo imperialista.

A carencia de soberanía do noso país converte o noso pobo en cómplice pasivo dunha escalada imperialista que só favorece os intereses do complexo militar-industrial norteamericano na disputa pola hexemonía mundial no marco da fase agónica do capitalismo.

Fronte a esta ofensiva da OTAN, do Cumio e todo o que el implica, afirmamos que cabe, por parte do movemento popular e do conxunto das forzas galegas da esquerda transformadora, rexeitalo firmemente e denunciar as alianzas militares, en primeiro lugar da OTAN e da UE. Para iso chamamos a recuperar o espírito combativo dos Comité Anti-OTAN da década dos 80 e a construír un movemento unitario e aberto galego de rexeitamento ao Cumio da OTAN, desde o cal e con posicións organizadas de acción, fundamentalmente nas rúas, desenvolver unha campaña para a mobilización da poboación.

Finalmente, queremos facer constar que desde este espazo que estamos a construír defendemos que se deteña a actual guerra en Ucraína e a retirada de todas as tropas enviadas á zona, ademais da venta de armamento, así como o apoio político e financeiro ao réxime ucraíno que se apoia en organizacións cómplices dos neonazis desta nación na actualidade.

NON Á OTAN! BASES FÓRA!
PAZ E SOLIDARIEDADE ENTRE OS POBOS!!
POLA SAÍDA DO ESTADO ESPAÑOL DA OTAN!!!

Diseña un sitio como este con WordPress.com
Comenzar